Información  - II NOCTURNA DO XALO

Información - II NOCTURNA DO XALO

O 16 de novembro volve a carreira e a andaina na que os participantes percorren as pistas e camiños do Xalo en plena noite. A carreira contará cun percorrido de pouco máis de 11 km., cun desnivel positivo de 536 metros.

Castelo Deporte prepara unha nova edición da ‘Nocturna do Xalo’, unha das actividades máis agardadas polos habituáis dos deportes de montaña, na que as e os incritos deberán enfrontarse a percorridos que, tanto no caso da carreira como da andaina, deberán realizar pola noite, sen máis luz que a das lanternas frontais que deberán levar no seu equipamento.

Logo da exitosa edición de 2018, o sábado 16 de novembro reeditarase a actividade, con hora de comezo por confirmar (ao redor das 19.00 horas), e apertura de inscricións o luns 14 de outubro.

A asociación Castelo Deporte organiza, en colaboración co Concello de Culleredo, a Nocturna do Xalo, unha proba deportiva en dobre modalidade de carreira de montaña e andaina, que celebra a súa segunda edición.

Trátase dunha carreira e dunha andaina polo Monte Xalo de 11,26 e 8,2 km. respectivamente, cunha única categoría para cada caso. O seu carácter é solidario, destinando o 100% dos beneficios obtidos á loita contra o sarcoma, un tipo de cancro, a través da Fundación Mari Paz Jiménez, coa que colabora a asociación Castelo Deporte.

Nocturna do Xalo promove os valores de respecto á natureza, favorecendo a conservación do monte, a súa flora e a súa fauna. Os participantes na proba deberán por esta razón empregar os contenedores de lixo dispoñibles. A organización empregará, sempre que sexa posible, material reutilizable e reciclable. Os elementos de marcaxe do percorrido recolleranse nas horas posteriores á proba, cando tamén se realizará a limpeza do mesmo. A comunicación en papel reducirase ao mínimo, dando prioridade ao soporte electrónico.